Tuesday 14 de May de 2024

O Pleno de Brión dálle luz verde a un proxecto de seguridade viaria en Bastavaliños


 

Investiranse máis de 306.000 euros na mellora do vial, que vai de San Salvador a Coruxido, con ampliación de beirarrúas e diversos elementos de seguridade

O Pleno de Brión aprobou por unanimidade na súa sesión extraordinaria deste mediodía unha proposta da Alcaldía que permitirá investir uns 306.000 euros nun proxecto de mellora de seguridade viaria na zona de Bastavaliños. En concreto, intervirase na estrada que vai desde San Salvador a Coruxido pasando por Bastavaliños.

O proxecto, que se pode custear grazas á eficiencia da xestión municipal e a unha achega maior da prevista da Deputación no seu plan POS+ Adicional, consistirá en ampliar as beirarrúas e dotar a infraestrutura con diversos elementos que garantan a seguridade tanto para o tráfico rodado como para as persoas que se moven a pé pola zona. Aproveitarase tamén para efectuar as melloras pertinentes nas canalizacións de servizos públicos existentes no lugar.

O alcalde de Brión, Xosé Luis García, explicou que se trata dunha iniciativa necesaria debido ao constante incremento de poboación residente no ámbito polo que pasa a estrada. O rexedor destacou que este tipo de obras están entre as máis prioritarias do Concello e anticipou que se continuarán realizando noutros puntos do municipio onde sexan necesarias.

Eficiencia enerxética
Por outra parte, a sesión tamén aprobou por unanimidade unha modificación de crédito que posibilita o investimento duns 200.000 euros nun proxecto de renovación da iluminación pública e mellora da súa eficiencia enerxética en varias zonas urbanas do municipio.

A reasignación orzamentaria, que se nutre do remanente de tesourería municipal resultante do exercicio 2018, é duns 50.000 euros. O resto do importe do proxecto correspóndese cunha subvención outorgada polo Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE).

Relación de Postos de Traballo
A corporación deulle luz verde ademais á aprobación definitiva do documento da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Votaron a favor os grupos do goberno (PSdeG-PSOE) e do PP, mentres que o BNG optou pola abstención.

O alcalde destacou que o documento supón “un feito histórico porque é a primeira vez que a RPT incumbe tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral, posto que este último ata agora atíñase a un convenio de 2008”. A RPT, que se comezara a elaborar en 2016 e foi aprobada por unanimidade na mesa de negociación o pasado mes de maio, recolle todos os elementos necesarios para unha xestión eficaz dos recursos humanos do Concello.

García fixo fincapé no feito de que a representación sindical e dos traballadores aceptou por unanimidade o documento despois do proceso de negociación levado a cabo. Tamén expuxo que boa parte das trece alegacións presentadas por persoal do Concello foron estimadas total ou parcialmente, sempre de acordo cos informes elaborados pola empresa encargada da redacción da RPT.

Bo funcionamento financeiro
Por último, o Pleno tomou coñecemento da situación de cumprimento da regra de gasto na execución do orzamento municipal no segundo trimestre de 2019. Tamén se deu conta do período medio de pagamento da Administración local aos seus provedores nese mesmo período, establecido en só 4,11 días.